Friday 29 de March de 2024

Feijóo enxalza o labor das entidades sociais para seguir avanzando cara á plena inclusión e converter as inquedanzas, o respecto e a comprensión nunha forza transformadora da sociedade


Anima aos profesionais do ámbito social, ás Administracións públicas, á comunidade científica e ao tecido asociativo a seguir rompendo, día a día, novas barreiras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o labor e o compromiso das entidades sociais para seguir avanzando cara á plena inclusión e converter as inquedanzas, o respecto e a comprensión nunha forza transformadora da sociedade.

Nesta liña, e durante o acto inaugural do II Congreso Internacional de Aspanaes: Impulsando las fortalezas de las personas con TEA, Feijóo destacou a implicación desta entidade para que a fronteira entre o Trastorno do Espectro Autista e a plena inclusión social chegue a desaparecer por completo. Non en van, ao longo destas xornadas, expertos de recoñecida traxectoria abordarán o autismo desde os prismas máis diversos: a atención psicolóxica, as características clínicas, a intervención educativa e os proxectos de vida independente. Todo isto co obxectivo de que as persoas con algún tipo de TEA poidan participar na sociedade coa máxima autonomía posible.

“Moitas persoas con autismo poden traballar, poden viaxar, poden emanciparse. O que as limita non é a súa discapacidade, senón os prexuízos alleos que atopan demasiadas veces no seu camiño”, aseverou, animando aos profesionais do ámbito social, ás Administracións públicas, á comunidade científica e ao tecido asociativo a seguir rompendo, día a día, novas barreiras.

O responsable do galego concluíu apelando ao traballo conxunto para seguir estendendo a rede de atención temperá, co obxectivo de que os nenos de ata seis anos conten co apoio profesional para evitar que se agraven os trastornos no desenvolvemento; e consolidar un sistema educativo plenamente inclusivo.

Así mesmo, referiuse tamén á importancia de ampliar a oferta de prazas de atención á discapacidade, para que as persoas con trastorno do espectro autista con maiores limitacións estean arroupadas, estimuladas e atendidas axeitadamente nun centro específico, o máis cerca posible das súas familias.